O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, cualificou como “un éxito” a primeira fase do cambio das liñas do servizo municipal de autobuses urbanos, subliñando o incremento no número de viaxeiros rexistrado nestes primeiros días.
Segundo o rexedor, trátase “dun primeiro salto de calidade” que terá continuidade a partir do vindeiro mes de marzo, cando se incorporará a nova empresa concesionaria encargada da xestión do transporte urbano.
Jácome celebra o éxito do novo servizo de autobuses urbanos de Ourense
Nesa data tamén estarán rematadas as obras de reforma da avenida de Portugal e da rúa Alejandro Pedrosa, o que permitirá a posta en marcha dunha nova liña circular, que Jácome cualificou de “vital para mellorar a mobilidade na cidade”.

O alcalde adiantou que en marzo aumentarase de 38 a 40 o número de autobuses que circularán simultaneamente por Ourense. Ademais, estará operativa unha nova aplicación móbil que permitirá seguir en tempo real a posición dos vehículos e detectar posibles incidencias para “perfeccionar o servizo”.
Finalmente, Pérez Jácome anunciou un “terceiro salto de calidade” que consistirá na implantación da gratuidade do transporte urbano, un proxecto no que xa traballa o goberno municipal.