O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, participou esta tarde na apertura oficial da exposición «Castelao: 75 cabodano (1950-2025)», instalada no Arquivo Histórico Provincial de Ourense.
A mostra, dedicada a conmemorar os 75 anos do pasamento do intelectual rianxeiro, poderá visitarse ata o vindeiro 19 de setembro.
Ourense acolle a mostra polo 75 aniversario da morte de Castelao
Durante o acto inaugural, Santos salientou a importancia da cooperación entre administracións para facer realidade proxectos culturais que beneficien á cidadanía. Nese senso, puxo en valor o papel do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, un espazo pertencente ao Ministerio de Cultura do Goberno de España pero xestionado pola Xunta de Galicia, como exemplo de xestión compartida que funciona.
O representante do Goberno tamén destacou a figura de Castelao como “clave na cultura galega” e subliñou a súa “personalidade polifacética e o seu compromiso coa identidade e os dereitos do pobo galego”.

A exposición ofrece un percorrido pola vida, obra e pensamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, cunha selección de documentos, imaxes e materiais que permiten achegarse á súa traxectoria como político, artista, ensaísta e defensor do galeguismo.