A Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG-PSOE de Ourense expresou este sábado o seu fondo pesar polo falecemento de Plácido Diz Diz, histórico militante do partido na cidade.
A organización socialista trasladou tamén todo o seu apoio e afecto ao seu fillo, Pepe Diz, tamén membro do PSOE, nestes momentos de dor.
Falece Plácido Diz, histórico militante socialista en Ourense
O PSdeG-PSOE de Ourense destacou o “férreo compromiso” de Plácido Diz coas siglas socialistas, unha entrega que mantivo de maneira “inesgotable e reivindicativa”. Ao longo dos anos, participou activamente en asembleas, campañas electorais e numerosos actos organizados pola formación, moitas veces acompañado da súa muller, tamén militante xa falecida, con quen compartía o seu orgullo por pertencer ao partido.
“Hoxe é un día triste para o socialismo ourensán”, sinalan desde a agrupación local, que lamenta profundamente a perda dun home “bo e xeneroso, non só como militante, senón tamén como coidador da súa muller Pepita ata os seus últimos días”.

Desde a Comisión Executiva Municipal enviaron unha “forte aperta” á familia e amizades de Plácido Diz e reiteraron o compromiso de seguir honrando a memoria daqueles que, como el, traballaron incansablemente pola liberdade, a xustiza e a reparación en Ourense.