Falece o veciño da Ponte que levaba o acio de uvas ó Santiago. Obituario escrito por José Antonio Álvarez Caride, fillo do finado e presidente da Federación de ANPAS de centros públicos As Burgas
Antonio Álvarez Díaz, Toño, monaguillo da parroquia de Santiago das Caldas dende os 12 anos, era o primeiro a mediados do século pasado en portar a imaxe do apóstolo á saída da igrexa na procesión do patrón da Ponte e de Galicia.
Falece o veciño da Ponte que levaba o acio de uvas ó Santiago
Preocupado porque o acio que levaba o santo na man perdese sempre a maioría das uvas durante o percorrido polas rúas do barrio, comprometeuse a conseguir o mellor acio que non desmerecese. Achouno dende entón en Quenlle, no Ribeiro ourensán, nunha parra temperá do seu amigo Aquilino. Cada véspera do día de Santiago, dende 1952, con apenas catro excepcións por causa de forza maior, Toño cumpliu coa súa misión de vendimar ese primeiro acio e levarllo ó santo á súa casa na igrexa da Avenida das Caldas.
A tradición xacobea di que o Apóstolo, chegando a Santiago coma peregrino, descansou nunha casa onde lle ofreceron xenerosamente leito e uvas. Como agradecemento prometeu que a vendima sempre sería boa para os xenerosos. A sagrada fidelidade á tradición, que Toño lembraba cada mes de xullo, incluso cando a memoria xa lle empezaba a fallar, é un exemplo de devoción e de identidade cun barrio que os de Canedo levan moi fondo. Tamén unha maneira de encomendar ó patrón Santiago o coidado da familia e dos veciños.
O próximo 25 de xullo Antonio Álvarez Díaz entregará persoalmente o acio de uvas temperás a Santiago Apóstol para pedirlle una boa colleita dos viños de Ourense e protección para A Ponte. Faleceu con 91 anos cumpridos, en paz e rodeado da súa familia. Na terra, seu fillo José Antonio e seus netos Nicolás e Jacobo seguirán indo a Quenlle polo acio para manter a memoria.
José Antonio Álvarez Caride, é fillo do finado e presidente da Feredración de ANPAS de centros públicos As Burgas