Noticias

A exposición «Fauna esencial» chega a Maceda da man de Afundación

Afundación, ABANCA e o Concello de Maceda veñen de asinar un convenio de colaboración para traer á localidade a exposición fotográfica «Fauna esencial», unha mostra que convida á reflexión sobre a diversidade e conservación da fauna salvaxe.

O acto de sinatura celebrouse esta mañá coa presenza da alcaldesa, Uxía Oviedo; o coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.

A exposición «Fauna esencial» chega a Maceda da man de Afundación

Esta exposición inaugurarase o 29 de outubro no Centro Sociocomunitario de Maceda. A mesma permanecerá aberta ata o 30 de novembro, de luns a domingo en horario de 9:00 a 20:00 horas.

A exposición «Fauna esencial» chega a Maceda da man de Afundación
Foto: Afundación

Esta iniciativa enmárcase no proxecto «Corrente cultural», impulsado por Afundación como parte da súa Obra Social. O obxectivo é achegar a arte e a cultura a todas as vilas galegas, fomentando o desenvolvemento colectivo e a participación cidadá. A proposta pretende ampliar a capilaridade cultural de Galicia, trasladando as exposicións e actividades da entidade máis alá das súas sedes principais.

Unha viaxe visual pola fauna ibérica

«Fauna esencial» ofrece 28 fotografías de gran formato realizadas polo naturalista Ezequiel Martínez, recoñecido pola súa traxectoria en publicacións especializadas en natureza. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos, permiten coñecer as características biolóxicas, o hábitat, os costumes e os riscos que ameazan á supervivencia de cada especie.

A mostra inclúe retratos en primeiro plano dalgúns dos animais máis emblemáticos da Península Ibérica, como o oso pardo, a cegoña branca, o voitre leonado, o gamo, o cervo, a curuxa ou a aguia imperial. O contido educativo foi elaborado por especialistas de Naturnova, o Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación. Este combina rigor científico e espírito divulgativo para todos os públicos.

A exposición constitúe un chamamento á acción e á responsabilidade ambiental, destacando o papel esencial das especies salvaxes na sostibilidade do planeta e inspirando o respecto e coidado do medio natural.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.