O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, reuniuse esta mañá co presidente da Asociación Cultural Civitas Limicorum, Marcos Argibay, entidade organizadora da coñecida Festa do Esquecemento de Xinzo de Limia, que este ano celebrou a súa XXV edición.
Durante o encontro, celebrado na Delegación Territorial da Xunta, abordáronse cuestións relacionadas co balance da última edición da festa e coa planificación das futuras actividades da asociación.
Manuel Pardo destaca o valor cultural da Festa do Esquecemento de Xinzo
A Festa do Esquecemento, declarada de Interese Turístico, recrea cada verán o paso das lexións romanas polo río Limia e constitúe un dos principais atractivos culturais e turísticos da comarca da Limia.

Pardo destacou o labor de Civitas Limicorum na conservación e promoción do patrimonio histórico da zona, así como o impacto económico e social que o evento supón para Xinzo e os municipios limítrofes. Pola súa banda, Argibay agradeceu o apoio institucional recibido e avanzou que a entidade xa traballa na próxima edición, coa intención de incorporar novas actividades divulgativas e culturais.