O Concello de Ourense manterá a tradicional Festa do San Martiño – Magostos 2025 na súa ubicación habitual, o Centro Histórico da cidade.
O goberno local confirmou que a celebración do 11 de novembro non se trasladará ao Parque Ribeira de Canedo, opción que fora valorada nas últimas semanas.
Ourense manterá o San Martiño 2025 no Centro Histórico
O executivo municipal estudara a posibilidade de instalar unha pérgola provisional sobre as vigas de madeira e columnas de pedra do parque para garantir o desenvolvemento da festa en caso de choiva. Porén, os informes técnicos municipais desaconsellaron esta alternativa por motivos de seguridade, polo que o evento continuará no seu espazo tradicional.

Aínda así, o Concello mantén a súa aposta polo Parque Ribeira de Canedo como escenario para futuras actividades culturais e festivas. O goberno local sinala que este espazo, situado xunto ao Miño, é ideal para eventos diúrnos durante a primavera e o verán, que contribúan a dinamizar a zona verde e a potenciar o seu uso cidadán.
Como exemplo, lembran que o parque xa acolleu con éxito o concerto de María do Ceo nas Festas da Ponte de 2022. Neste sentido, o Concello adianta que prepara unha “gran festa de tardeo” para a próxima primavera, dentro da súa estratexia de descentralización das actividades culturais e de lecer.