O goberno municipal do Concello de Ourense estuda celebrar a Festa do San Martiño – Magostos 2025 no Parque Ribeira de Canedo, segundo anunciou esta mañá o alcalde Gonzalo Pérez Jácome.
A proposta busca dar un novo aire a esta tradicional cita e aproveitar as potencialidades dun espazo natural xunto ao Miño, situado no barrio da Ponte.
Pérez Jácome propón mudar o San Martiño ao Parque Ribeira de Canedo
Pérez Jácome subliñou que sería a primeira vez que o San Martiño se desenvolvería neste escenario: “Queremos sempre innovar e mellorar. Até agora organizábase no centro histórico, cun éxito total, pero pensamos en diversificar e dar protagonismo tamén aos barrios. Ademais, poucas semanas antes xa teremos o Halloween na zona vella e non queremos repetir localización”.

O rexedor destacou que o Parque Ribeira de Canedo, á beira da Ponte Romana, “é un lugar amplo, fermoso e céntrico, perfecto para acoller unha festa popular como o Magosto. Incluso pode recibir máis público ca Praza Maior”. Tamén remarcou que trasladar a celebración á Ponte reforza a idea de que “os barrios son parte clave e protagonistas da cidade”.
A programación prevista incluirá a vertente gastronómica, con postos de castañas, chourizos e porco ao espeto, ademais da actuación do grupo Brañas Folk. O cartel completarase cunha orquestra que actuará na contorna do Pavillón dos Remedios, ao outro lado da ponte.