A parroquia de Cortiñas, no concello de Castrelo de Miño, celebrará do 14 ao 16 de agosto as súas tradicionais festas na honra á Virxe da Asunción e a San Roque.
A programación, organizada co apoio do Concello de Castrelo de Miño, inclúe a XXI Festa da Codorniz e un cartel musical que promete atraer a veciños e visitantes.
Cortiñas acolle a XXI Festa da Codorniz con tres días de festa
O xoves 14 abrirá as celebracións a charanga El Tattoo, que animará as rúas co seu pasarrúas. Pola noite, ás 20:00 h, comezará a popular braseira de codornices e empanada. A xornada rematará cunha verbena protagonizada polos grupos Los Lunes al Sol e Os Trasnos.
O venres 15 será a quenda da charanga Os Teimosos, que tamén realizará un pasarrúas previo á segunda braseira de codornices. A verbena da noite estará amenizada pola orquestra Tic Tac e DJ Mario, que repetirán presenza o sábado.
O sábado 16 arrincará cun novo pasarrúas da charanga Feitizo de Pau. Esta agrupación tamén acompañará a misa solemne e a procesión polo río ás 12:00 h. Pola noite volverá celebrarse a braseira de codornices e, como colofón, unha gran verbena con José Costas e DJ Mario.

Ademais da música e a gastronomía, as festas contan co apoio de numerosos negocios locais, amosando o forte tecido comunitario da zona.