As Festas de Ourense 2025 concluíron onte á noite cunha espectacular tirada de fogos artificiais desde a Ponte do Milenio, e o alcalde Gonzalo Pérez Jácome cualificounas de “excelentes”.
O rexedor destacou a consolidación do formato compacto de cinco días. Este formato, implantado en 2022, conta cunha altísima participación cidadá ao longo de toda a programación festiva.
Jácome celebra unhas Festas de Ourense 2025 “excelentes”
“O mércores empezamos cun cheo total na Ponte Romana, e o domingo repetimos a imaxe, pechando co mellor espectáculo pirotécnico da historia da cidade, con dobre traca final”, subliñou Pérez Jácome. O rexedor fixo especial fincapé nos concertos de Nil Moliner e Justin Quiles, que “deixaron cifras récord de asistencia no exterior do Pavillón”.

Entre os aspectos máis salientables, o alcalde tamén valorou positivamente o traslado do mercado medieval á contorna da Ponte Romana. Este cambio, segundo apuntou, tivo moi boa acollida tanto por parte do público como dos expositores. “Un dos postos de hostalería chegou a esgotar existencias, algo que non sucedía cando o mercado se celebraba no casco histórico”, explicou.
Pérez Jácome agradeceu expresamente o traballo realizado polo persoal da área de Festexos, “que executou con precisión e eficacia o deseño do grupo de goberno”, recoñecendo en particular o labor do xefe de servizo.
Aínda que a programación oficial das festas rematou, os ourensáns aínda poderán seguir desfrutando das atraccións das barracas instaladas no Parque do Barbaña. Estas permanecerán abertas este luns e martes con prezos populares polo “Día do neno”.