Parada de Sil prepárase para vivir con intensidade as súas tradicionais festas en honra a San Ramón, que terán lugar os días 23, 28, 29, 30 e 31 de agosto.
O Concello e a comisión organizadora elaboraron un amplo programa no que non faltan música, deporte, actividades infantís e celebracións populares.
Parada de Sil celebra as festas de San Ramón
As festas arrancan o 23 de agosto con un torneo de tute individual no Balcón da Ribeira. A continuación terá lugar unha festa da escuma e un concurso de karaoke na praza do Curtiñeiro.
O 28 de agosto a praza acollerá unha festa hawaiana con música de DJ local e unha chocolatada para pechar a xornada.
O 29 de agosto será un día moi completo: haberá inchables para nenos, torneo de bolos, cea popular na nave da castaña e, a partir das 00:30 horas, verbena co grupo Euphoria na praza do Curtiñeiro.
As actividades continúan o 30 de agosto con tute por parellas en Casa Mercedes, unha xincana para adultos e a gran festa co grupo La Noria, que actuará tamén na verbena xunto a un DJ local na praza do Barquilleiro.
O día grande será o 31 de agosto, coa alborada e a procesión solemne, sesión vermú a cargo da charanga BCB, torneo de subastado por parellas e festa final na praza do Concello coa mesma charanga.
