As Festas de San Xurxo de Touza 2025, en honra a San Bartolomeu, desenvolveranse os días 23, 24 e 25 de agosto con actividades para todos os públicos e a actuación estelar da popular artista Leticia Sabater.
A localidade, pertencente ao concello de Taboadela, vestirá as súas mellores galas para tres días de música, tradición, xogos infantís e moito ambiente.
Leticia Sabater encabezará as Festas de San Xurxo de Touza 2025
O evento celebrarase do 23 ao 25 de agosto en honra a San Bartolomeu, no concello de Taboadela.
O programa arrancará o sábado 23 coa pasarrúas da Charanga Os Escachapeitos, que animará as rúas dende as 18:00 horas. Pola noite, a festa trasladarase ao campo coa actuación de CEA Popular (22:00 h) e a verbena amenizada pola Discomóbil Chocolate.
O domingo 24 será o día grande. Ás 12:00 h terá lugar a procesión e misa solemne, acompañada pola Charanga Achicoria. A programación da tarde estará centrada nos máis pequenos, con xogos, festa da escuma e colchonetas desde as 17:00 h, e un campionato de subastado para os máis afeccionados ás cartas. Será a partir das 21:00 h cando Leticia Sabater tomará o escenario como principal reclamo musical desta edición. A festa continuará coa orquestra Tango (23:00 h) e un segundo pase á medianoite (00:30 h).
As celebracións pecharanse o luns 25 con nova procesión e misa solemne ás 12:00 h, esta vez coa Charanga Os Bandiños. Xa pola tarde, ás 17:30 h, disputarase o tradicional partido de fútbol entre solteiros e casados, e a traca final chegará coa orquestra Saudade ás 21:00 h.
