Do 7 ao 10 de agosto, Celanova converterase no epicentro da música e a cultura tradicional coa celebración do III Festival Lembranza Ibérica.
Este encontro reunirá agrupacións de Galicia, Asturias e Valencia para reivindicar e compartir o patrimonio cultural ibérico a través da música, a danza e a tradición.
Celanova acolle o III Festival Lembranza Ibérica cunha ampla representación musical
O evento está organizado pola asociación cultural Lembranza Solpor e o Concello de Celanova, e contará cun cartel diverso no que destacan grupos e formacións como Lembranza Solpor, Amigos do Acordeon Celanova, Celtúria del C.G. de Valencia, B.G. Concello de Celanova, as Pandereteiras Celavella ou a GMBT Sadeo de Ponteareas.
Desde Asturias chegarán os sons da B.G. El Gumial, mentres que a B.G. Nova Fronteira, a Murga Coelerni, o histórico grupo Ruxe-Ruxe, Five Pipers e Ailá completan un programa pensado para todos os públicos e gustos musicais, cun marcado carácter festivo e reivindicativo das raíces culturais.

O festival desenvolverase ao longo de catro días, nos que Celanova vibrará co son das gaitas, pandeiretas, acordeóns e as voces das agrupacións participantes, converténdose nun espazo de encontro e celebración da identidade musical compartida na península ibérica.