O Festival Internacional Rebulir 2025 pechouse hoxe en Ramirás coa gala de clausura celebrada no polideportivo de O Picouto, que reuniu a máis de 700 persoas nun evento que conmemorou a 20ª edición do certame e a entrega dos XIV Premios Rebulir da Cultura Galega.
A gala estivo conducida por Cé Orquestra Pantasma, proxecto do músico vigués César Freiría. Este espectáculo serviu de fío dunha celebración na que converxeron música, danza e culturas internacionais, nacionais e galegas.
Rebulir 2025 pecha en Ramirás cunha gala multitudinaria
O Premio Rebulir á Música Galega foi para Malvela, que recolleu o galardón das mans do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, defendendo “a cultura e a lingua galega”. O grupo interpretou o seu tema “Pirim Pin Pin”, coreado polo público.

Na categoría de Artes Escénicas, o recoñecemento foi para a actriz Cristina Castaño. O premio foi recollido pola súa nai, Marita Castaño e entregado polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor.
O Premio Homenaxe distinguiu ao programa Luar da CSAG, entregado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, cun agradecemento audiovisual de Xosé Ramón Gayoso.
Como novidade, creouse o Premio Rogelio García Yáñez, dedicado á emigración, que recolleu Mónica Calvo en representación da Emigración Galega en Euskadi, da man do secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez.
A programación contou con 12 compañías culturais, incluídas formacións de Ecuador, Portugal e Senegal. Tamén participaron grupos de La Rioja, Cantabria, Asturias e o grupo local Rebulir, que volveu destacar pola súa conexión co público e polo relevo xeracional.
A gala reafirmou a capacidade do rural ourensán e de Ramirás como foco cultural internacional, cun selo propio “Feito no rural”.

