O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense presentou unha moción para reclamar un “financiamento xusto e suficiente” dos servizos sociais destinados ás persoas con discapacidade intelectual na provincia.
A proposta foi anunciada no Centro Ocupacional e Residencial As Burgas da Valenzá polo deputado provincial e alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel Doval, acompañado de deputadas e deputados do PSdeG-PSOE.
O PSdeG reclama máis fondos para a discapacidade en Ourense
A iniciativa busca apoiar publicamente a campaña “A discapacidade intelectual en loita. Sen financiamento non hai futuro”, impulsada por FADEMGA Plena inclusión Galicia, e instar á Xunta de Galicia a actualizar con urxencia os módulos do concerto social. Valcárcel denunciou a “asfixia económica” que sofren as entidades federadas a FADEMGA. Esta situación está provocada polo aumento dos custos salariais e de funcionamento, mentres os módulos permanecen practicamente conxelados.

Segundo explicou o deputado socialista, a aprobación do XVI Convenio Colectivo supuxo un incremento salarial do 10%. A isto súmase unha inflación acumulada superior ao 10,5% e a subida do Salario Mínimo Interprofesional do 18,4% nos últimos anos. “Fronte a este incremento real dos custos, que supera o 20%, a Xunta só propón unha actualización entre o 5,4 e o 7,88%, absolutamente insuficiente”, criticou Valcárcel.
O alcalde de Barbadás lamentou tamén que a Consellería de Política Social e Igualdade “siga sen convocar unha mesa de negociación real e directa”, malia as peticións de FADEMGA e AEDIGAL. “Outras comunidades autónomas, co mesmo marco de financiamento, decidiron priorizar o incremento dos concertos e garantir a sustentabilidade das entidades sociais. Aquí falta vontade política”, advertiu, alertando de que a situación “pon en risco servizos esenciais para milleiros de familias ourensás”.
Servizos indispensables para Ourense
FADEMGA Plena inclusión Galicia integra 42 entidades que representan a 10.720 persoas con discapacidade intelectual e empregan 1.834 profesionais en toda Galicia. A súa rede abrangue 34 centros ocupacionais, 30 residenciais, 27 vivendas tuteladas, 15 centros educativos e 14 de emprego. “Na provincia de Ourense, estes servizos son imprescindibles. A súa desaparición sería un duro golpe para moitas familias que quedarían sen apoio para o coidado, educación e inclusión dos seus achegados”, sinalou Valcárcel.
O deputado incidiu en que Ourense, polas súas condicións sociodemográficas, precisa servizos sociais robustos e de calidade. “A Deputación non pode permanecer allea e debe alzar a voz para reclamar solucións urxentes”, afirmou. Ademais de reclamar á Xunta un incremento do financiamento, a moción propón que a Deputación de Ourense estude liñas de apoio complementarias para as entidades de discapacidade intelectual mentres persista o desequilibrio nas achegas autonómicas. “Non podemos permitir que a falta de compromiso da Xunta acabe coa labor esencial destas entidades na nosa provincia”, concluíu Valcárcel.