O Centro Cultural A Granxa, en Astariz (Castrelo de Miño), converterase o sábado 8 de novembro no epicentro do misterio e das tradicións galegas coa celebración da terceira edición do Folk Horror Festival, organizado pola Asociación Cultural Aldea Vella.
O evento combina cinema, música e cultura popular nunha xornada dedicada ao terror e ao folclore rural.
Astariz acolle a terceira edición do Folk Horror Festival
O festival abrirá as súas portas ás 17:30 horas co Bloque 1 do Festival Internacional de Curtametraxes de Folk Terror. A continuación seguirá o Bloque 2 ás 20:00 horas, ambos con entrada libre ata completar aforo. Entre ambas proxeccións, ás 19:15 horas, Adegas Celme ofrecerá unha cata de viños teatralizada, actividade opcional que require inscrición previa e ten un custo de 10 euros.

A xornada rematará ás 22:00 horas cun concerto gratuíto do grupo ourensán Os Guezos, que porá o broche musical cunha actuación de folk rock. Durante todo o festival o público poderá gozar dun servizo de bar e petiscos para acompañar a experiencia.
A cita insírese no amplo labor de Aldea Vella Asociación Cultural. Neste mes de outubro promove tamén actividades paralelas, como unha mesa redonda co etnógrafo Xosé Anxo Rosales e o xornalista Carlos Gabriel Fernández. Ambos son expertos nas lendas galegas arredor do mundo dos defuntos. Ademais, a entidade colabora coas Casas do Maior, Casa Nido e o CEIP Astariz en proxectos de recollida de lendas e talleres creativos coa infancia, fortalecendo así o vínculo coa comunidade e co patrimonio inmaterial da comarca.

Con iniciativas que van dende a recuperación do Entroido tradicional ata obradoiros artesanais e accións de divulgación do patrimonio histórico, Aldea Vella mantén viva a cultura rural galega. O Folk Horror Festival reforza esa aposta por tecer lazos entre veciñanza, artistas e entidades locais. Esta actividade recupera as historias e símbolos que conforman a identidade de Galicia máis profunda.