Podemos Ourense advertiu do perigo de sufrir danos irreparables na fonte de Bispo Cesáreo, un ben histórico trasladado desde o Mosteiro de Oseira e que actualmente se atopa en trámite de declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).
A formación denuncia que o Concello de Ourense está a instalar directamente sobre a fonte unha árbore de Nadal, o que cualifican de acción “inaceptable e prexudicial para o patrimonio da cidade”.
Podemos Ourense denuncia risco de danos na fonte de Bispo Cesáreo
O portavoz do grupo, Francisco Diéguez, afirmou que “a fonte de Bispo Cesáreo non é un adorno máis da praza, é un ben histórico que precisa protección inmediata. A inacción do alcalde pon en risco a súa integridade e a nosa cidade”.

Por iso, Podemos Ourense solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia que adopte medidas cautelares urxentes para garantir que a estrutura decorativa sexa retirada e o monumento preservado durante o proceso de declaración como BIC.
“A fonte debe ser protexida, non usada como soporte para unha decoración temporal. Se Patrimonio non actúa e o Concello non garante a súa conservación, emprenderemos todas as accións xudiciais necesarias contra o Concello e o alcalde para asegurar que a lei se cumpra”, engadiu Diéguez.
O partido tamén fixo un chamamento á cidadanía e aos medios de comunicación para visibilizar a situación e lembrar que “a defensa do patrimonio é unha responsabilidade colectiva”.