Noticias

Barbadás acolle un campamento dixital para previr riscos en internet

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reivindicou este luns en Barbadás a aposta do Executivo central pola formación dixital da mocidade “para protexer á xuventude dos perigos das redes sociais”.

Fíxoo durante a súa visita ao campamento dixital organizado pola Fundación Cibervoluntarios en colaboración co Concello, no marco do programa impulsado polo Ministerio de Xuventude e Infancia.

Barbadás acolle un campamento dixital para previr riscos en internet

Na xornada inaugural do campamento, dirixido a rapaces e rapazas de 9 a 17 anos, Santos subliñou que é “imprescindible” adquirir competencias en internet desde idades temperás para afrontar con responsabilidade os riscos asociados ao uso das pantallas. “Trátase dunha iniciativa pensada para achegar ás novas xeracións ferramentas que lles permitan moverse con seguridade no entorno dixital”, explicou.

Barbadás acolle un campamento dixital para previr riscos en internet
Foto: Subdelegación do Goberno

Segundo detallou, o Programa Campamentos Dixitais desenvolveu 49 actividades en Ourense, con 698 estudantes participantes e 588 certificados expedidos, dos cales 219 corresponden a concellos de menos de 5.000 habitantes. Ademais, están previstas outras 11 accións formativas que contan xa con 176 inscritos. A iniciativa estivo presente en municipios como Xinzo de Limia, San Cristovo de Cea, Celanova, O Carballiño, A Pobra de Trives, Vilariño de Conso, Maceda, Coles ou Viana do Bolo, entre outros.

O representante do Goberno advertiu de que internet ofrece “grandes oportunidades, pero tamén riscos”, polo que considerou esencial “previr perigos nas redes sociais, identificar noticias falsas e frear calquera forma de discurso de odio”.

Santos agradeceu á Fundación Cibervoluntarios a súa implicación por levar estes campamentos a toda a provincia, destacando que “a transformación dixital debe ser tamén unha transformación social, máis xusta e inclusiva”. Tamén puxo en valor o compromiso do Concello de Barbadás, representado polo alcalde Xosé Carlos Valcárcel e o equipo de goberno, por facilitar actividades educativas complementarias que favorezan á xuventude do municipio.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.