O Teatro Principal de Ourense converterase o vindeiro 7 de novembro nun escenario de solidariedade e emoción coa celebración da I Gala Solidaria Bicos de Papel.
Esta cita promete combinar humor, música, baile e moita ilusión a favor da loita contra o cancro infantil.
Ourense acolle a I Gala Solidaria Bicos de Papel
A partir das 19:00 horas, o público poderá gozar dun completo programa presentado por Juan Maceiras. O acto contará coas actuacións de Peter Punk, Besbellos, Os Tres Porquiños, a Escola de Danza Catro Pasos e o Estudio Repenica. Ademais, haberá animación dende as 18:30 horas e sorteos especiais durante toda a tarde, nun ambiente familiar e festivo.
As entradas, cun prezo de 8 euros, poden adquirirse xa a través da plataforma ataquilla.com. Tamén estarán dispoñibles en taquilla o mesmo día do evento. Os menores de tres anos poderán acceder de balde, e tamén se ofrece unha fila cero para aquelas persoas que desexen colaborar sen asistir presencialmente.

Un proxecto con corazón
A gala destinará a súa recadación a Bicos de Papel, asociación de axuda a nenos e nenas oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que traballa para mellorar a calidade de vida das familias afectadas polo cancro infantil. Creada en 2017 por un grupo de pais e nais que pasaran por esta experiencia, a entidade foi recoñecida como de utilidade pública en 2022 e forma parte do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.
No seu percorrido, Bicos de Papel recibiu galardóns como o Premio Primeiro de Maio de CC.OO. (2018), o Premio COGAVE (2019) e a Sardiña de Ouro (2019), recoñecementos que avalan o seu compromiso coa solidariedade e o apoio ás familias.