Gran acollida a Nacho Corredor no Teatro Principal de Ourense para asistir á presentación do seu libro «O activismo tanquilo».
O acto, organizado polo PSdeG-PSOE consistiu nunha charla-coloquio na que participou o autor do libro. Na charla tamén participaron Uxía Tizón, deputada no Congreso, e Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial do PSdeG-PSOE.
Gran acollida a Nacho Corredor no Teatro Principal
O libro de Nacho Corredor recolle algúns dos acontecementos máis relevantes sucedidos en España nos últimos anos. O 15M, a crise independentista en Cataluña ou a vida parlamentaria aparecen recollidas neste libro. Indica o autor que o seu libro «non é un manifesto filosófico nin unha crónica, senón que trata de animar, dende o análise en primeira persoa e o compromiso político, a seguir mantendo viva a necesidade de loitar pola democracia, nun contexto de crispación extrema e do aumento dunha visión reaccionaria da historia».
Rafael Rodríguez Villarino destacou a Nacho Corredor como «fundador de varias iniciativas destinadas a fomentar o debate e a compartir o acordo entre perspectivas diferentes que comparten un mesmo fin: construír un proxecto compartido a nivel nacional, europeo e eu diría que ata global».
A deputada no Congreso, Uxía Tizón, quixo destacar en primeiro lugar a «sorte de contar hoxe contigo para falar do teu libro, de ti, das vivencias que nos narras, pero tamén para poder falar de política, xuventude e de actualidade». Na súa opinión, o libro de Nacho Corredor contén dúas expresións que podemos considerar como ideas clave. Estas son «convivir con quen pensa diferente e que a democracia é algo excepcional».
Sobre esta última idea pronunciouse o autor do libro. O politólogo sinalou que a democracia «é unha excepción na historia de España e do mundo e que a súa perpetuidade non está garantida». «Non descubrimos nada novo se advertimos que a orde liberal, o sistema no que máis democracia, liberdade, dereitos, desenvolvementos e benestar houbo na historia, está ameazado e ten os seus inimigos dentro».