Eventos

Nenos ourensáns únense a “HeArt of Gaza” con debuxos solidarios

Nenos ourensáns de entre 7 e 9 anos que participan nas actividades de verán da Biblioteca Pública Nós poderán tomar parte este xoves 28 de agosto no obradoiro “NeNós debuxan para Gaza”, unha iniciativa solidaria que se desenvolverá entre as 12:30 e as 14:00 horas.

A actividade estará guiada polos artistas plásticos Marita Carmona e Xosé Vilamoure, da Galería de Arte Dodo Dadá, situada na rúa da Liberdade. Os pequenos farán debuxos que serán enviados a nenas e nenos palestinos que participan no proxecto “HeArt of Gaza”. Esta proposta xa tivo unha primeira edición o pasado mes de xullo.

Nenos ourensáns únense a “HeArt of Gaza” con debuxos solidarios

Na entrada principal da biblioteca pode visitarse ata o 18 de setembro a exposición “HeArt of Gaza”, composta por medio cento de debuxos elaborados por nenas e nenos palestinos de entre 3 e 17 anos na “Tenda da arte” dun campamento de refuxiados. As obras transmiten emocións, lembranzas e soños, acompañadas dun texto explicativo escrito polos propios autores. Ademais, persoas da sociedade civil galega puxeron voz a estas mensaxes a través de audios accesibles mediante códigos bidi.

Nenos ourensáns únense a “HeArt of Gaza” con debuxos solidarios

A mostra chegou a Ourense da man do Movemento BDS Galiza, que impulsa accións de solidariedade co pobo palestino e denuncia a situación de violencia que sofre. Segundo a organización, a exposición busca dar voz á infancia afectada polo conflito e reverter a deshumanización.

As actividades arredor da exposición xa permitiron recadar máis de 2.000 euros destinados a axuda humanitaria, especialmente á compra de alimentos para Gaza.

O peche da mostra terá lugar o 18 de setembro, cun evento especial no soportal da biblioteca: “Praza de Gaza”. O evento incluirá música, poesía, maxia, gastronomía solidaria, contacontos, obradoiros e o testemuño directo de persoas palestinas.

Botón volver arriba
Cerrar

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.