O PSdeG de Ourense celebrará este mes de xullo un acto de homenaxe a Manuel Suárez Castro, primeiro alcalde socialista da cidade, fusilado polo franquismo hai 88 anos.
A lembranza terá lugar na Praza da II República, xunto ao paredón onde foron executadas máis de cen persoas durante a Guerra Civil.
O PSdeG lembra a Manuel Suárez Castro, fusilado hai 88 anos
A Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG-PSOE de Ourense celebrará este mes de xullo a súa tradicional homenaxe a Manuel Suárez Castro, primeiro alcalde socialista da cidade, asasinado hai 88 anos polo réxime franquista.
O acto está previsto para o martes 29 de xullo ás 20:00 horas. Contará coa participación da secretaria xeral da agrupación municipal, Natalia González; o secretario da Organización da UGT de Ourense, Daniel Fernández; o secretario provincial do PSdeG, Álvaro Vila; o secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Ourense, Miguel Gómez; e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Tamén asistirán familiares do propio Manuel Suárez Castro.
Nesta ocasión, tamén se lembrará a figura de Antonio Taboada Novoa, entón secretario xeral de Juventudes Socialistas de Ourense. Antonio Taboada foi fusilado o mesmo día que Suárez Castro.
Con este acto, as e os socialistas ourensáns buscan manter viva a memoria histórica e reivindicar o legado de Manuel Suárez Castro. O primeiro alcalde socialista de Ourense está considerado un dos impulsores da modernización de Ourense e do desenvolvemento ferroviario na década de 1930. Así mesmo, reclaman o cumprimento efectivo da Lei de Memoria Democrática.

Durante a súa última reunión, a Comisión Executiva Municipal do PSdeG tamén decidiu renomear a actual sala Felipe González. Situada na sede local do partido, pasará a levar o nome de José Luis Rodríguez Zapatero. A formación destaca o papel do expresidente socialista nos avances sociais e democráticos do país. Entre eles figura a Lei Integral Contra a Violencia de Xénero, a legalización do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, a Lei de Memoria Histórica, a creación dos xulgados específicos contra a violencia machista, a Lei Antitabaco ou o fin de ETA.