Noticias

A Xunta renova a iluminación histórica do IES Otero Pedrayo

A nova iluminación ornamental do IES Otero Pedrayo comezou a tomar forma esta mañá, coincidindo coa visita do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, quen supervisou o inicio das obras.

Esta actuación, financiada pola Consellería de Economía e Industria a través do INEGA, supón un investimento de máis de 410.000 euros.

A Xunta renova a iluminación histórica do IES Otero Pedrayo

Desde o primeiro momento, Pardo destacou que esta intervención permitirá poñer en valor os elementos singulares dun edificio histórico emblemático da cidade. Ao mesmo tempo, incorporará unha iluminación de deseño baseada na eficiencia enerxética e lumínica.

A Xunta renova a iluminación histórica do IES Otero Pedrayo
Foto: Delegación da Xunta en Ourense

A obra abrangue tamén a renovación completa da iluminación do patio de deportes e dos dous patios interiores. Estes contarán con luminarias led en superficie e proxectores encaixados no chan, sistemas pensados para optimizar o rendemento e reducir consumos.

O delegado explicou que a actuación inclúe a instalación de 132 luminarias led, cunha vida útil superior aos 15 anos de funcionamento continuo. Estes puntos de luz combinaranse cun sistema de telexestión e control que permitirá axustar a intensidade e garantir unha iluminación racional.

En canto ao tratamento exterior, a fachada do Padre Feijóo lucirá unha iluminación composta por proxectores situados na zona axardinada e sobre soportes nas pilastras do peche. Na rúa García Mosquera instalaranse luminarias na cornixa superior. Na fachada que dá á rúa Lugo incorporarase mediante proxectores colocados tamén en soportes vinculados ás pilastras. Todas as luminarias serán monocromáticas e regulables, permitindo crear escenografías personalizadas a través de aplicacións intelixentes.

Ao tratarse dun edificio datado en 1950 e catalogado como ben patrimonial, a proposta luminosa foi deseñada para manterse discreta e plenamente respectuosa coa protección integral do inmoble.

Botón volver arriba