A provincia de Ourense enfróntase a unha das peores campañas de incendios forestais dos últimos anos, cun impacto devastador sobre o medio natural, as aldeas e a economía local.
O responsable da páxina «Taboadela», analiza nesta entrevista as causas que alimentan o lume, as medidas que considera prioritarias para previlo e o papel que deben asumir cidadanía, administracións e sector forestal para frear esta crise.
Ourense en chamas: voces contra o avance do lume
Que factores naturais e humanos están detrás da maioría dos lumes que afectan aos nosos montes?
Aínda que é certo que o lume pode ter múltiples causas, está confirmado que nunha porcentaxe moi elevada —máis do 90%— o ser humano está detrás, xa sexa por comportamentos delituosos, por costumes culturais, por intereses económicos ou por neglixencias. A isto súmanse factores estruturais como a despoboación e o envellecemento do rural, que derivan no abandono agrario e forestal.

Este abandono, xunto co cambio climático, crea un escenario perfecto para que, ano tras ano, os incendios aparezan nos nosos montes e, cada vez máis, ameacen tamén as zonas habitadas.
Que medidas de prevención resultan máis efectivas para reducir o risco, tanto a nivel individual como colectivo?
Os nosos montes teñen propietarios —aínda que ás veces non resulte sinxelo identificar quen son— e é preciso esixirlles, tanto desde as institucións como desde a responsabilidade individual, que manteñan as súas propiedades en condicións axeitadas e libres de abandono. Cada persoa propietaria debe asumir o seu papel na prevención. Ao mesmo tempo, as administracións deben desenvolver políticas que poñan en valor a riqueza que representan os montes galegos, impulsando plans que fomenten o seu aproveitamento e rendibilidade económica. A experiencia demostra que un monte rendible non arde con facilidade. Isto debe complementarse cun traballo constante de educación e concienciación, así como cunha persecución e sanción firmes contra quen provoque lumes.
Como deberían actuar a poboación, as administracións públicas, as empresas forestais e as organizacións ambientais para previr e combater os lumes?
A prevención é esencial, igual que a ordenación do territorio e o aproveitamento sostible do monte. O reto é complexo, pero non imposible. Galicia conta cun monte rico, cunha biomasa de gran valor enerxético, terreos aptos para a gandería e un enorme potencial para o turismo de natureza. Tanto a poboación como as administracións, as empresas forestais e as organizacións ambientais deben traballar de maneira coordinada para que esta riqueza se manteña e medre. O monte en Galicia é sinónimo de riqueza; que arda supón empobrecernos a todos.