A provincia de Ourense enfróntase a unha das peores campañas de incendios forestais dos últimos anos, cun impacto devastador sobre o medio natural, as aldeas e a economía local.
«Unha veciña de Trives» analiza nesta entrevista as causas que alimentan o lume, as medidas que considera prioritarias para previlo e o papel que deben asumir cidadanía, administracións e sector forestal para frear esta crise.
Ourense en chamas: voces contra o avance do lume

Que factores naturais e humanos están detrás da maioría dos lumes que afectan aos nosos montes?
Non nos cabe ningunha dúbida que a maioría destes incendios son intencionados. Para mostra o que pasou onte pola tarde en Parafita (Chandrexa de Queixa) que foi o que afectou a Estación de montaña de Cabeza Grande de Manzaneda e unha parte importante do noso termo municipal, Coba, A Somoza, Penapetada, Paerisas… Do mesmo xeito, onte pola mañá iniciábase un na zona do Hotel A Lastriña que controlaron nese momento. Tristemente reactivouse pola tarde afectando a Sas de Xunqueira, Barrio, Pena Folenche… de aí que non dubidemos da súa intencionalidade
Que medidas de prevención resultan máis efectivas para reducir o risco, tanto a nivel individual como colectivo?
As medidas de prevención máis axeitadas cremos que pasan por manter o monte limpo, rozar as nosas propiedades e que concellos, deputacións e demáis entes públicos mateñan as pistas e entorno natural nas mellores condicións e vixilen porque os ciudadanos cumplan as normativas nese senso.
Como deberían actuar a poboación, as administracións públicas, as empresas forestais e as organizacións ambientais para previr e combater os lumes?
Penso que coidar o monte é unha tarefa de todos, dende calquera excursionista que visita unha paraxe natural e non recolle os desperdicios ata as administracións públicas que pasan o resto do ano sen previr estas situacións. Doutro lado están quen encubre aos incendiarios xa sexa por amizade ou por non meterse en liortas co veciño. Agora mesmo precisamos máis medios de extinción, pero boas políticas preventivas paliarían esta situación. Pensamos que estas políticas preventivas pasan por unha boa educación ambiental, políticas agrarias e urbanísticas que se lexislen dende o rural (e non dende despachos nas capitais) con coñecemento do medio e dos diferentes entornos, protexendo o ben máis prezado que temos que é a nosa natureza, os nosos montes, a fauna e flora autóctona… recuperando e plantando especies autóctonas… e un longo etcétera que permitiría que a nosa terra non ardese todos os anos do xeito terrible en que o fai…