O músico ourensán Izan Justo proclamouse gañador do primeiro premio na Categoría 4 (ata 14 anos) do 58º Certamen Nacional de Acordeón e 5º Certamen Acordeón Splash.
Este concurso celebrouse os días 20, 21 e 22 de xuño de 2025 nos conservatorios Profesional e Superior da Coruña.
O ourensán Izan Justo, ouro no Certame Nacional de Acordeón
Na súa categoría, o podio completárono Henar San Emeterio, que obtivo a prata, e Guiomar Ordóñez, que se fixo co bronce.

Con só 12 anos, Izan Justo estuda acordeón no Conservatorio Profesional de Música de Ourense e na Escola da Asociación Música e Cultura de Galicia, desde onde está a destacar como unha das novas promesas do panorama musical.
Este novo recoñecemento súmase a un palmarés xa notable para a súa idade: dous premios no Certame Mestre Vide de Ourense e dous máis no Certamen Aris del Puerto de Ponferrada, demostrando unha traxectoria ascendente e un talento temperán.
A súa vitoria no certame da Coruña confirma o seu alto nivel interpretativo.