O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, instou aos grupos municipais de PP, PSdeG-PSOE e BNG a apoiar as dúas modificacións de crédito que o goberno local levará ao pleno deste xoves para a súa aprobación inicial.
O rexedor destacou que se trata de propostas “de especial relevancia para a cidade” e fundamentais para executar os fondos FEDER recentemente concedidos ao Concello dentro do Plan EDIL do Goberno central.
Jácome pide apoio aos grupos para aprobar dúas modificacións de crédito clave
O alcalde advirte que recorrerá a unha cuestión de confianza se o pleno rexeita as propostas, que suman preto de 29 millóns de euros

“Esperamos que as dúas modificacións de crédito sexan aprobadas co voto favorable ou coa abstención dos demais partidos. Non hai motivo para votar en contra”, afirmou Jácome, quen subliñou que ambos expedientes permitirán impulsar proxectos de infraestrutura, mobilidade e medio ambiente.
A modificación orzamentaria 6P/2025, a de maior volume, mobiliza 25,7 millóns de euros, destinados principalmente a obras e melloras urbanas, entre elas proxectos financiados con fondos europeos. Grazas á subvención obtida do Plan EDIL, o Concello poderá mobilizar 19,9 millóns de euros en actuacións estratéxicas para o desenvolvemento da cidade.
Entre as actuacións previstas inclúense investimentos en rúas e parques, reposición de colectores e a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal e do Plan Especial do Centro Histórico. Tamén figuran obras de abastecemento de auga e o pagamento de xuros de mora.
A segunda proposta, a modificación 5P/2025, ascende a 2,96 millóns de euros. Esta financiará proxectos de diferentes áreas municipais, como Artes e Festexos, Servizos Sociais, asociacións veciñais e reparación de edificios públicos.
Ambas as modificacións serán financiadas con remanente de tesourería e, de ser aprobadas, exporanse ao público durante quince días hábiles antes da súa aprobación definitiva.
Cuestión de confianza se non prospera
O alcalde advertiu que, no caso de que a modificación principal non sexa aprobada o xoves, convocará un pleno extraordinario o 21 de outubro. Neste pleno vinculará a súa aprobación a unha cuestión de confianza. Trátase dunha ferramenta legal que pode empregarse unha vez ao ano, agás no último do mandato, para desbloquear iniciativas clave.
Jácome tamén respondeu ás críticas doutros grupos pola agrupación de partidas orzamentarias. Lembra que se trata “dunha práctica habitual en todas as administracións, desde a Deputación de Ourense ata os gobernos do PP e do PSOE noutras institucións”.