A directora Laura Mahía lévanos de concerto con Bibopalula onde poderemos coñecer ós integrantes da Banda do Bosque.
Con formación en deseño gráfico, Laura Mahía pon neste proxecto a súa ampla bagaxe formativa e a súa experiencia profesional tras participar en numerosos proxectos de animación.
Laura Mahía lévanos de concerto con Bibopalula
Coincidindo coa estrea da primeira tempada de Bibopalula, realizamos unha entrevista con Laura para que nos mostrase algúns dos segredos que se agochan neste proxecto.
Música, animación e natureza son os ingredientes principais para un proxecto que recupera a esencia do Xabarín Club dos anos noventa. Unha serie musical de animación ideada para nenos e nenas de tres a seis anos pero que pode ver e gozar toda a familia.
Entrevista con Laura Mahía
Cóntanos como xurde a idea de crear esta serie e como foi o proceso creativo xunto a Andrés Mahía para dar forma ós 55 capítulos da primeira tempada.
Bibopalula nace da ilusión de facer algo co meu pai, Andrés Mahía, a persoa que máis sabe de paxaros que coñezo e que intentou transmitirlle ós máis pequenos o seu amor pola natureza de xeito divertido. Meu pai tivo a idea de que uns paxariños, os animais que mellor cantan do bosque, xuntasen as súas voces para formar a mellor banda musical do bosque, e o día seguinte eu debuxei emocionada aos protagonistas.
Cal consideras que foi a maior dificultade para crear e dirixir esta serie?
Bibopalula foi un proposta ambiciosa, esta primeira tempada conta con 55 capítulos e cada un deles ten a súa propia canción orixinal. Ademais a animación e un proceso lento e complexo, e facer tantos capítulos daba un pouco de vertixe ó comezo, pero contamos cun equipo moi talentoso de animadores que fixeron que merecese a pena arriscarse.
Como directora, que ferramentas utilizas para porte na pel dun neno ou nena de idade infantil e crear un produto que lle agrade.
No equipo temos a sorte de contar con Patricia Castrillón, unha asesora pedagóxica que nos guiaba para conseguir acercarnos de forma adecuada os máis pequechos. Tamén estiven consumindo moitísimo contido audiovisual infantil, vinme literalmente todos os capítulos de Peppa Pig, Ben e Holly ou Bluey, analizando o seu xeito de contar de forma moi sinxela as historias, que ás veces e más complicado do que parece.
A nivel de estilo procurei facer unha serie chea de cor, con formas moi simples e personaxes característicos.
29 de novembro é a data da estrea de Bibopalula nas plataformas do Xabarín. Cando chega o momento da estrea dunha creación audiovisual, xorden inquedanzas ante a resposta do público?
Claro, sempre hai moitos nervios, pero cando vin na presentación da serie no Culturgal que os nenos bailaban as cancións vendo os paxariños pensei que todo o risco mereceu a pena.
A produtora Undodez e a responsable deste traballo audiovisual coa colaboración da Televisión de Galicia. Crees que o sector audiovisual en Galicia goza de boa saúde?
Penso que fai moita falta ter máis contidos infantís en galego. Eu son dos noventa, da época dourada do Xabarín Club e lembro eses anos con moitísima nostalxia. Estou moi contenta de poder formar parte dunha serie que intenta espertar de novo o espírito do Xabarín. Creo que Galicia esta chea de xente talentosísima e gustaríame pensar que nun futuro non teñan que terse que ir traballar fóra.
Nun momento de retroceso no uso do galego, sobre todo por parte dos máis cativos, propostas como Bibipalula poden reverter esa situación?
Gústame pensar que si. O mellor xeito de acercar as nenas e nenos desde ben pequenos ó galego e darlles contido divertido na nosa lingua, que poidan ver debuxos e cantar cancións en galego paréceme fundamental.
Esta produción está orientada a nenos e nenas de entre 3 e 6 anos. Fomentar e normalizar o uso do galego nesas idades é un dos principais obxectivos de Bibopalula?
Si, foi un dos principais motores para facer a serie. Faime moita ilusión formar parte dun proxecto que procura normalizar o uso da lingua entre os máis pequenos, que creo que e fundamental e máis aínda despois de coñecer a drástica baixada de galegofalantes entre a mocidade.
Non esquezamos que Bibopalula é a primeira serie de debuxos en galego e estamos en 2024.
Ben, non somos a primeira serie de debuxos en galego pero si a primeira musical. Previamente traballamos noutra proposta de animación infantil: ‘Bechos’ que tamén está dispoñible na app do Xabarín
Trátase dunha serie na que catro paxaros que forman un grupo musical viven continuas aventuras, que nos podes adiantar sobre cada personaxe?
A banda dos catro amigos está formada por Robin, un paporrubio que sempre ten as mellores ideas, Carpin o picapau, o mellor carpinteiro do bosque e para min o máis gracioso, Pegui, a pega presumida e Merli, o merlo riquiño e a sensatez do grupo. Quixemos buscar paxaros que a cativada puidese recoñecer facilmente en calquera parque de Galicia.
Podemos adiantar que as voces dos personaxes serán recoñecidas… aí soará por exemplo a de Xosé A. Touriñán.
Si, contamos con actores e actrices marabillosas nesta primeira tempada coma Melania Cruz, Marta Lado, Marita Martínez, Iria Lamas ou Touriñán, que lle deu vida ó Pombo Mensaxeiro, un personaxe moi gracioso e un pouco desastre que sempre perde as cartas que ten que entregar.
Robin, Merli, Pegui e Carpin forman A Banda do Bosque. A música é un elemento fundamental para atraer a atención dos máis cativos
Penso que si, esta serie vai destinada a nenas e nenos moi pequeniños, de entre 3 a 6 anos, e a música e o que máis esperta o interese nesas ideades.
Non podemos esquecer que cada capítulo conta cunha canción orixinal composta polos músicos Iván Laxe e Santi Jul.
A verdade e que foi un traballazo incrible o de Santi Jul e Iván Laxe, sorprendeume moito o talento que teñen. En pouco tempo sacaron 55 temazos de todo tipo, desde cancións pop máis infantís, ata algunhas co rock característico do Xabarín Club dos 90.
Xa que a música é un elemento fundamental de Bibopalula, fálase da posibilidade de contar cun espectáculo musical en vivo.
Se a serie ten boa resposta estamos pensando en trasladar Bibopalula ó teatro en forma de musical da man de Ainé, unha das mellores produtoras teatrais de Galicia, para que a rapazada poida gozar cantando e bailando cos paxariños protagonistas.
Non menos importante que a música e a lingua galega, é a mensaxe sobre o coidado da natureza.
O amor e o coidado da natureza son eixes fundamentais de todos os capítulos de Bibopalula. Procuramos compartir cos nosos pequenos espectadores a emoción e fascinación dos paxariños cos fenómenos naturais coma a neve, os eclipses ou a chegada dos birrios ó comezo do verán.
Lembramos que esta serie a poderán ver na web xabarin.gal e na app Xabarín.
Tamén estarán dispoñibles os videoclips das cancións a partir deste luns na canle de youtube de Bibopalula.