O Barco de Valdeorras xa ten listo o seu programa para conmemorar as Letras Galegas 2025, unha cita coa cultura e a lingua.
A programación deste ano enche o mes de maio de cine, música e actividades ao aire libre para todos os públicos.
Letras Galegas 2025 no Barco
O Teatro Lauro Olmo será escenario, do 7 ao 29 de maio, dun ciclo de cine en galego con proxeccións ás 17:00 e 20:00 horas. O público poderá desfrutar de filmes que combinan compromiso social e creatividade na nosa lingua.
- Filmei paxaros voando (7 de maio),
- Prefiro condenarme (14 de maio),
- Xustiza artificial (21 de maio) e
- A loita final (29 de maio)
A Feira do Libro animará o Malecón, na zona do río Cigüeño, os días 17 e 18 de maio, converténdose nun punto de encontro para lectoras, lectores e autoras locais. Tamén o 17 de maio, Día das Letras Galegas, a Praza do Príncipe acollerá ás 21:00 horas unha actuación da banda de gaitas e baile Coribantes, recuperando sons e danzas tradicionais que conectan co espírito da xornada.
O peche do programa será o 23 de maio cunha proposta pensada para o público familiar. O espectáculo de monicreques Castelao, un corazón á intemperie, da compañía Fantoches Baj, que terá lugar ás 19:00 horas na praia fluvial, sempre que o tempo o permita.

Este amplo abano de actividades está promovido polo Concello do Barco de Valdeorras coa colaboración da Xunta de Galicia. O programa supón unha aposta por celebrar a riqueza da cultura galega en todos os seus formatos, desde o audiovisual ata a tradición oral e escrita.