O Movemento Ecoloxista da Limia (M.E.L.) lanza unha alerta contundente: negar a contaminación da Limia pon en risco a saúde pública e o futuro dun dos territorios agrícolas máis importantes de Galicia.
Hai tres anos, o Ministerio de Medio Ambiente declarou as augas da comarca como oficialmente afectadas, tras detectar graves procesos de eutrofización no encoro das Conchas e contaminación por nitratos nas augas subterráneas da chaira limiá.
A Limia segue sen protección fronte á contaminación por nitratos
Ese foi o prazo máximo que tiña o goberno galego, presidido por Alfonso Rueda, para actuar e declarar a zona como vulnerable. Non o fixo.
Segundo denuncia o M.E.L., esta inacción non só supón unha neglixencia institucional, senón que a Xunta retoma agora un discurso negacionista que oculta a gravidade dun problema recoñecido pola propia administración hai xa cinco anos, no marco da Mesa da Limia. Naquel momento, presentouse o chamado Plan Estratéxico da Limia, que prometía reducir a carga gandeira, tratar os puríns, formar ao sector agrogandeiro e diversificar os cultivos.
Cinco anos despois, ningunha das medidas foi aplicada. Pola contra, sectores institucionais e sociais que antes defendían o territorio adoptan agora un discurso populista que incita ao rexeitamento de calquera regulación ambiental.

“Non é perigoso declarar a Limia como zona vulnerable. O perigoso é seguir bebendo auga contaminada con nitratos e pesticidas”, advirte o Movemento Ecoloxista, que lembra as posibles sancións da Unión Europea por incumprimento da Directiva de Nitratos e da lexislación sobre a calidade da auga.
A denuncia vai máis alá do ambiental: o colectivo critica que se estea azuzando a ira dos sectores agrogandeiros contra quen simplemente pide medidas para garantir a saúde e o medio.
Desde o M.E.L. esixen responsabilidade política, fin do negacionismo e accións reais e urxentes para frear unha crise ambiental que xa afecta á auga que bebe a poboación.