Noticias

O BNG reclama máis medios para manter limpos camiños e predios

A limpeza de camiños, predios e marxes do río Barbaña chegará este venres, 3 de outubro, ao Pleno do Concello de Ourense a través dunha moción do Grupo municipal do BNG.

A iniciativa responde, segundo explican os nacionalistas, a unha das demandas máis habituais da veciñanza das zonas rurais: o desbroce e mantemento de parcelas e vías municipais.

O BNG reclama máis medios para manter limpos camiños e predios

O concelleiro Xosé Manuel Puga advertiu que “a preocupación é máxima e vai en aumento, pois todas e todos temos no maxín as imaxes de aldeas devoradas por completo polo lume”. Nese sentido, urxiu ao Concello a asumir a súa responsabilidade na limpeza de parcelas e camiños veciñais, moitos deles en estado impracticable.

O BNG reclama máis medios para manter limpos camiños e predios
Foto: BNG

O edil defendeu que “non abonda con esixir aos particulares o cumprimento das súas obrigas; a administración debe dar exemplo”. Ademais, subliñou que os traballos de desbroce “non poden limitarse á primavera ou ao verán, senón realizarse de forma periódica durante todo o ano”.

O BNG reclama a creación dunha brigada municipal de limpeza con persoal e medios materiais suficientes para manter camiños e predios en bo estado e garantir o desbroce regular das marxes do río Barbaña, unha das queixas máis recorrentes da cidadanía.

Xunto a isto, a moción inclúe a proposta de crear unha unidade especializada en medio ambiente dentro da Policía Local, formada por axentes con formación específica, que colaborarían cos labores da Concellería de Medio Ambiente e servirían de apoio á veciñanza.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.