O Concello de Ourense lembra ás persoas titulares de terreos a súa obriga legal de xestionar a biomasa vexetal antes do 31 de maio, segundo establece a Lei de prevención de incendios forestais de Galicia.
Co verán á volta da esquina, o Concello de Ourense intensifica os avisos para previr incendios forestais.
Ourense lembra a obriga de limpar fincas antes do 31 de maio
A través dun bando asinado polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, o goberno local informa da obriga de limpar a vexetación en determinadas zonas, tal e como establece a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDCIF).
O prazo legal para cumprir con esta obriga remata o 31 de maio. De non atenderse, o Concello poderá executar a limpeza de maneira subsidiaria, repercutindo os custos sobre a persoa responsable. Ademais, a normativa contempla multas de até 1.000 euros por infraccións leves e de até 100.000 euros no caso das graves.

A norma establece condicións específicas para as chamadas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa, que protexen espazos sensibles como vivendas, infraestruturas, zonas industriais ou cámpings. En concreto, é obrigatorio limpar a vexetación:
- Nunha franxa de 50 metros arredor do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.
- Ao redor de vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, gasolineiras, cámpings e parques industriais situados a menos de 400 metros do monte.
- Arredor das edificacións en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte.
Así mesmo, a lei prohibe manter, dentro desa franxa de 50 metros, árbores de especies como eucaliptos, acacias ou certas variedades de pino, recollidas na disposición adicional terceira da normativa.