A pintora valdeorresa Lola Doporto fixo entrega á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Ourense da súa obra Mujer de Azul “Toñita”, un óleo sobre lenzo que simboliza a superación e a vitalidade das mulleres que afrontan o cancro.
O acto de doazón coincidiu coa presentación oficial da lotería de Nadal da AECC de Ourense, xa que a imaxe do cadro aparece reproducida nas participacións dos talonarios, acompañada do nome da peza e da súa autora.
Lola Doporto doa á AECC de Ourense a súa obra “Mujer de Azul”
Na entrega estiveron presentes o presidente da Asociación, Germán Rodríguez-Saá; a vicepresidenta, Olga Mojón; a xerente, Judit Vega; e a propia artista, Lola Doporto, quen agradeceu poder contribuír a unha causa que coñece de preto. A creadora estivo acompañada por familiares e amigos.

Doporto explicou que Mujer de Azul – Toñita naceu da súa experiencia persoal como paciente oncolóxica e das vivencias compartidas con outras mulleres durante as súas estadías na planta de oncoloxía do hospital. A obra, chea de cor e enerxía, é unha homenaxe á forza e determinación das mulleres que loitan contra o cancro, simbolizando a vida e a esperanza en cada trazo.
Con este xesto solidario, a pintora reafirma o seu compromiso coa AECC e coas persoas que atravesan a enfermidade, empregando a arte como canle de sensibilización, acompañamento e forza.