O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que o centro de saúde de Maceda permanecerá sen facultativos hoxe e mañá por unha falla total de planificación da Xunta.
Esta situación que cualifican de “gravísima” atribúena ao desmantelamento da sanidade no rural.
O PSdeG denuncia que Maceda queda sen médicos dous días
Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá pola deputada no Parlamento de Galicia polo PSdeG-PSOE de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, e pola alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo de Dios, advertiron das consecuencias de deixar á veciñanza sen atención médica en pleno Nadal.

Segundo explicaron, durante estes dous días non haberá médicos no centro de saúde. Isto obriga á poboación a desprazarse a outros concellos da contorna ou á cidade de Ourense. As socialistas consideran “inadmisible” esta situación, especialmente tendo en conta que nestes días aumenta a poboación pola chegada de familias que regresan ao municipio.
A alcaldesa de Maceda relatou que “o venres pasado soubemos a través da veciñanza que tanto hoxe luns como mañá martes non teríamos ningún médico no centro de saúde”. Oviedo de Dios explicou que durante a fin de semana “chamamos á dirección da área sanitaria para que nos aclarasen a situación”. Asegura que “primeiro non obtivemos resposta e posteriormente obtivemos malas palabras”.
A rexedora cuestionou “cal é a razón para non darnos información sobre a xestión dos médicos no centro de saúde de Maceda?”. Uxía Oviedo engadiu que “non sabemos se non nos queren dar esa información ou se directamente non a poden dar”. Ao seu xuízo, esta situación supón “unha irresponsabilidade total e unha falta de respecto cara á cidadanía do rural”.
Sen médico en pleno pico da gripe
Pola súa banda, Carmen Rodríguez Dacosta lembrou que o PSdeG-PSOE “leva tempo advertindo de que a atención primaria se está desmantelando”. Sinalou a Maceda como “un exemplo claro deste proceso, coa veciñanza quedando sen médico en pleno pico da gripe”. A deputada acusou á Xunta de Galicia de abandonar o rural da provincia de Ourense, algo que cualificou de “irresponsabilidade moi grande”.
Rodríguez Dacosta anunciou que o PSdeG presentará unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamar “solucións urxentes para a atención primaria e, neste caso concreto, para Maceda”. A parlamentaria advertiu de que “nunha provincia cunha dispersión xeográfica tan grande, estas decisións son un golpe mortal para o rural”.

