A plataforma Macroplanta Biogás na Limia NON intensifica nestas semanas a súa campaña de oposición ao proxecto que ENCE pretende desenvolver en Xunqueira de Ambía, un plan industrial para producir combustíbel a partir de residuos.
Esta iniciativa cidadá activou 31 puntos de recollida de alegacións en nove concellos, canles que buscan mobilizar o maior número posible de escritos antes de que conclúa o prazo do segundo proceso de participación pública, o próximo 8 de xaneiro.
A Limia mobilízase contra o proxecto industrial de ENCE
Este sábado 13 de decembro, o colectivo instalará unha mesa informativa na feira de Xinzo de Limia, no punto habitual entre as rúas San Roque e Toural, entre as 10.30 e as 13:30 horas.

Ademais de ofrecer información, recollerá novos escritos de oposición. A maiores, deseñou unha completa xornada divulgativa en Allariz, na que manterá a presenza no Mercado da Biosfera e organizará unha palestra ás 17:00 horas no CS A Alvariça, coa participación de Manuel García, do Movemento Ecoloxista da Limia, e Daniel López Vispo, de ADEGA.
Segundo lembra a plataforma, o proxecto de ENCE afecta unha área extremadamente sensíbel desde o punto de vista ambiental, con parcelas que lindan coa Rede Natura 2000, próximas á ZEPA da Limia e situadas a menos de quilómetro e medio de varios núcleos de poboación. Desta localización derivan, indican, riscos directos para a fauna, as augas e a saúde das persoas.
O colectivo alerta tamén de impactos específicos asociados a este tipo de instalacións. Entre eles destacan os cheiros, xa contestados noutros territorios do Estado; o volume de residuos a tratar, que ascende a 166.000 toneladas ao ano segundo a propia promotora; a presenza de balsas de residuos a ceo aberto en plena área protexida; e os verquidos nunha zona inundábel e catalogada como Ecosistema Dependente de Auga Subterránea, ademais dunha comarca con problemas recorrentes de contaminación por nitratos pendente de declaración de Zona Vulnerábel.
A plataforma insiste especialmente en que o tratamento de residuos procedentes da gandaría industrial, tal e como recollen os documentos da empresa, non resolve o problema dos nitratos e incluso pode agravalo, polo que chama á participación cidadá para deixar constancia documental da oposición.

