O mago Deimi, que mestura humor e ilusión en cada espectáculo, será un dos protagonistas da Gala Familiar que acollerá o Liceo de Ourense.
Inspirado polo mestre Juan Tamariz, Deimi entende a maxia como unha vocación que nace da fascinación, un camiño que el decidiu percorrer engadindo sempre un toque de comedia aos seus números.
Mago Deimi: «A mellor actuación sempre está por chegar»
O seu estilo sobre o escenario é inconfundible: unha maxia variada onde o humor é o fío condutor para conectar co público. Para el, o obxectivo é que os espectadores se esquezan das súas preocupacións e se deixen levar pola ilusión. Coa mentalidade de que «a mellor actuación sempre está por chegar«, Deimi afronta cada espectáculo como unha nova oportunidade para sorprender.
Como membro do novo Círculo Caldeiro Máxico, Deimi participa nesta gala co obxectivo de dar a coñecer e fomentar a gran calidade da maxia na provincia.
Entrevista ó Mago Deimi

¿Como foron os teus inicios na maxia e quen te inspirou?
Eu creo que todos os magos nalgún momento tivemos que ser vítimas de algún xogo de maxia que nos fascinou e nos motivou a adentrarnos neste marabilloso mundo que é a maxia. No meu caso foi Tamariz, mago de magos.
¿Como definirías o teu estilo ou especialidade sobre o escenario?
O meu estilo é unha maxia variada con humor, non me pega facer maxia sen humor…
¿Cal foi o truco ou actuación mais especial da túa carreira?
Non podo mencionar a actuación mais especial porque a mellor sempre está por chegar
¿Que crees que achega a maxia ó espectador mais alá do entretemento?
A maxia, a parte de entretemento, achega ilusión no publico, sempre acaba ilusionado e por un momento evádese da tensión, preocupacións…
Coa Gala de Maxia Familiar iniciades a actividade do recén creado Círculo Caldeiro Máxico. ¿Que obxectivos tendes?
A gala, entre outros motivos, é para darnos a coñecer. Cada un de nos vai ofrecer unha maxia diferente co obxectivo de fomentar esta actividade en Ourense que verdadeiramente goza de moito nivel…

¿Que mensaxe enviarías ós nenos e nenas que soñan con ser magos?
Os nenos e nenas que soñan con ser magos diríalle que primeiro se deixen sorprender por moitos magos e magas para que cando comecen a aprender maxia o fagan con ilusión e cariño. Os nenos teñen que ser nenos e gozar da maxia…
¿Como imaxinas a maxia dentro de 10 ou 20 anos?
Penso que nun futuro a maxia estará ligada as novas tecnoloxías, onde estarán presentes os teléfonos móbiles e a IA.
