Noticias

Libros itinerantes para combater a violencia de xénero en Ourense

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presentou esta mañá na sede da ONG Valores a Maleta Viaxeira (MAVI) contra a violencia de xénero.

Estivo acompañado por Alida Iglesias, xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación.

Libros itinerantes para combater a violencia de xénero en Ourense

A presentación reafirma o compromiso institucional coa sensibilización e prevención deste grave problema social.

A Maleta Viaxeira naceu co obxectivo de achegar a lectura a públicos diversos, convidando á reflexión e ao pensamento crítico sobre a violencia machista, os roles de xénero e a igualdade. Esta iniciativa educativa itinerante da Subdelegación do Goberno botou a andar en 2022 no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar. Desde entón percorreu centros de información á muller (CIM) e agora chega ás bibliotecas municipais de toda a provincia.

É unha ferramenta educativa que leva libros a centros e ONGs, abordando o problema da violencia de xénero dende unha perspectiva humana, con testemuños de vítimas”, sinalou Santos durante o acto. Nesta nova parada, a MAVI achegou 19 libros á ONG Valores. Entre eles está «Vivas para contarlo», unha publicación da Subdelegación que recolle 13 microrelatos reais de vítimas de violencia de xénero e sexual.

A ONG Valores, fundada en 2013, traballa con colectivos en risco de exclusión social, como mulleres vítimas de violencia, menores, maiores, persoas dependentes e habitantes do rural. O seu labor foi recoñecido co Premio Menina 2023, outorgado polo Ministerio de Igualdade. Este premio recoñecía o seu apoio ás vítimas e a súa colaboración coa Subdelegación do Goberno. O subdelegado eloxiou o labor da ONG, asegurando sentirse “impresionado coa rede de apoio que ofrecen ás mulleres da provincia”.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.