O filósofo e ex presidente do Senado, Manuel Cruz, encheu onte o Teatro Principal de Ourense coa súa conferencia titulada “A eclipse das ilusións no mundo actual”.
O acto congregou centos de persoas interesadas en escoitar a súa reflexión sobre a crise das grandes visións ideolóxicas contemporáneas. A cita foi organizada polo PSdeG-PSOE de Ourense.
Manuel Cruz reflexiona no Teatro Principal de Ourense sobre “a eclipse das ilusións”
Durante a súa intervención, Cruz abordou o papel das ideas e ideoloxías que marcaron as últimas décadas. Advertiu que “cada vez é máis frecuente que as grandes visións do mundo dominantes ao longo da modernidade se vexan completamente descalificadas polo fracaso dos seus intentos de materialización”.

O filósofo fixo especial referencia ao cuestionamento da esquerda ilustrada tras a caída do chamado socialismo real. Sinaluo que “o afundimento da súa forma política máis importante, simbolizado pola caída do Muro de Berlín, deu paso a outros fracasos de signo diverso: guerras, contrarrevolucións, violacións dos dereitos humanos, desastres ecolóxicos ou crises económicas, todos con idéntico balance negativo dende o punto de vista da emancipación”.
Manuel Cruz tamén apuntou que o liberalismo “rematou igualmente cuestionado por non ser quen de xerar unha sociedade mellor”. Segundo o senador socialista, o conxunto destes fracasos consolidou “unha dobre sensación colectiva: que nin as ferramentas teóricas herdadas nos permiten comprender a realidade social nin sabemos como relacionarnos adecuadamente con ela”.
O conferenciante concluíu cunha reflexión sobre o escepticismo contemporáneo: “Antano críamos ser capaces de entender e transformar o mundo; hoxe representamos a nosa situación en termos de derrota”. O público participou activamente no coloquio posterior, formulando preguntas sobre filosofía, política e a súa traxectoria como presidente do Senado e referente do PSC.