O campus universitario de Ourense acollerá desde este mércores 29 de outubro ata o 30 de novembro a exposición ao aire libre “Mapa de evacuación de Gaza”.
Esta mostra, de vinte pinturas e debuxos do artista palestino Mohammed Al-Haj, reflicte o sufrimento e a resistencia do pobo palestino ante a guerra e os desprazamentos forzados.
O campus universitario acolle a mostra solidaria ‘Mapa de evacuación de Gaza’
O acto inaugural celebrarase ás 20:00 horas no recinto das Lagoas e contará coa actuación do coro infantil do campus. Este porá o son das voces máis novas nun evento que convida á reflexión e á empatía. As obras, organizadas en tres series, retratan con cores intensas e expresións conmovedoras o medo, a fame e a ansiedade que acompañan ás evacuacións en Gaza, transmitindo o impacto humano dun conflito que non cesa.

As pezas foron creadas por Al-Haj na propia franxa de Gaza, onde continúa a vivir. Chegan a Ourense grazas á colaboración entre o Museo de Palestina nos Estados Unidos e a súa delegación en Edimburgo, que cederon os arquivos dixitais das obras. Estas foron impresas sobre lonas e instaladas en módulos metálicos no “Camiño da Igualdade”. Este espazo está situado na parte superior do estanque dos parrulos do antigo hospital universitario. A asociación cultural radioliverdade.com impulsou os contactos e participa na produción da mostra.
A exposición pretende, ademais, servir de apoio ao crowdfunding lanzado polo propio artista. Con esta iniciativa pretende poder trasladarse a Francia cunha bolsa de residencia que lle permitirá traballar e vivir alí durante un ano, un obxectivo comprometido pola situación de guerra na súa terra. Para contribuír, poranse á venda láminas do artista na libraría Eixo.
Sobre o artista
Mohammed Al-Haj (Gaza, 1982) é un creador visual cuxa familia foi expulsada da aldea de Kawkaba durante a “Nakba” de 1948. A súa obra explora a relación entre as persoas e a terra, e cuestiona o destino do pobo palestino desprazado. Refuxiado no campo de Nuseirat, Al-Haj é unha das voces máis recoñecidas da arte gazatí contemporánea.
O Museo de Palestina
O Museo de Palestina nos Estados Unidos, fundado por Faisal Saleh en Connecticut, abriu as súas portas en 2018. Conta desde maio de 2025 cunha delegación en Edimburgo. A súa misión é preservar e difundir a historia e a cultura palestinas mediante as artes visuais, o cinema, a literatura e outros medios, converténdose nun espazo de memoria e identidade compartida para a diáspora.