Os socialistas de Ourense reclaman ao goberno de Jácome que inicie o expediente de honra en recoñecemento á súa traxectoria educativa e compromiso coa cidade
A iniciativa conta tamén co respaldo de personalidades da vida académica e universitaria galega, así como de colectivos e entidades locais.
O PSdeG solicita ao Concello a medalla de ouro a título póstumo para Alfonso Cid Sabucedo
As e os socialistas do Concello de Ourense reiteraron hoxe a súa petición para que o goberno municipal impulse o expediente de honra de Alfonso Cid Sabucedo, falecido o 26 de xullo de 2023, co obxectivo de concederlle a medalla de ouro da cidade a título póstumo.

Desde o grupo municipal do PSdeG insisten en que “é unha débeda da cidade con quen tanto contribuíu ao seu desenvolvemento intelectual e educativo”, segundo sinalou esta mañá a voceira Natalia González, durante o acto de inauguración dunha placa homenaxe no campus universitario de Ourense.
Alfonso Cid Sabucedo foi mestre nacional, catedrático da Escola Universitaria e profesor da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo no Campus de Ourense. Tamén tivo unha destacada participación política, como concelleiro de Facenda no goberno municipal de Manuel Veiga Pombo tralas eleccións de 1991, ademais de ser militante histórico do PSdeG-PSOE.
Entre os seus logros, os socialistas destacan o seu papel fundamental na formación do profesorado, o seu impulso á implantación da UNED na cidade e a súa participación en proxectos de innovación docente a nivel local, galego e estatal.
A piques de cumprirse dous anos do seu pasamento, o PSdeG lembra que “non só se trata de homenaxear a Cid Sabucedo, senón tamén de avanzar no recoñecemento institucional a outras figuras e entidades relevantes de Ourense, cuxos expedientes seguen pendentes neste 2025 e que deberían impulsarse co consenso de toda a corporación”.