O Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) instou este luns a todos os partidos políticos galegos a deixar a retórica a un lado e afrontar con responsabilidade a crise sanitaria derivada da contaminación das augas da conca do Limia.
Petición do MEL aos partidos políticos: miren de fronte o problema e déixense de retórica, a saúde de todas está en risco
O MEL esixe responsabilidade política ante a crise sanitaria da Limia
O Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) lanzou este luns unha contundente chamada á acción dirixida aos partidos políticos galegos. Esíxelles que abandonen a retórica e poñan o foco na protección da saúde pública fronte á grave contaminación das augas da conca do Limia. Esta afecta ó encoro das Conchas e amplas zonas da comarca.

A advertencia chega logo de que o Grupo Parlamentario dos Socialistas rexistrase o pasado 29 de abril unha batería de preguntas no Parlamento galego. Estas cuestionaban as actuacións do Goberno autonómico ante a alerta sanitaria impulsada pola demanda veciñal interposta semanas antes contra varias administracións.
O BNG, pola súa parte, sumouse á iniciativa o 13 de maio cunha interpelación parlamentaria similar. Esta acción chegou tras acordar previamente no pleno do Concello de Xinzo de Limia do 10 de abril unha declaración institucional que evitou calquera mención á saúde pública, malia contar co apoio do grupo de goberno (PP e AXIL).
Críticas á acción política
Desde o MEL critícase que tanto o BNG como o PSdeG-PSOE introduzan agora no seu discurso político un problema que levan anos ignorando. Entenden que seguen sen ofrecer propostas claras nin sinalar os verdadeiros causantes da situación. Este sería o modelo intensivo de produción agrícola e gandeira que opera na Limia e que xera altos niveis de contaminación por nitratos.
«Non abonda con usar a alerta sanitaria como munición política contra a Xunta«, sinalan desde o colectivo ecoloxista. «Cómpre responsabilidade, valentía e vontade real de cambiar un sistema que leva anos degradando o medio e poñendo en risco a saúde das persoas«.
A denuncia da inacción da Xunta é compartida polos grupos da oposición pero o MEL lembra que tanto BNG como PSdeG tamén teñen responsabilidade directa desde concellos, deputacións e o Goberno central. Lembra tamén que durante anos evitaron expoñer solucións reais, como a redución da carga gandeira ou a mellora na xestión de residuos.
Alerta sanitaria
Alerta o MEL de que manter discursos contraditorios –uns de apoio ao sector agrario a nivel local e outros de crítica á Xunta a nivel autonómico– só contribúe a perpetuar o problema. E cuestiona se o novo interese da oposición pola saúde pública responde a unha verdadeira preocupación ou a unha estratexia de desgaste político.
O colectivo ecoloxista subliña que hai documentos oficiais desde 2022 que confirman a afectación por nitratos das augas da Limia. Lamentan que os partidos non os utilizasen antes nin reflectisen nos seus programas electorais propostas claras para frear a contaminación.
Nunha mensaxe clara dirixida a todos os representantes públicos, o MEL reclama apoio á demanda veciñal, respaldo ás actuacións da Fiscalía e do poder xudicial, e a posta en marcha urxente de medidas:
- moratoria inmediata sobre a actividade gandeira intensiva,
- control dos excedentes agrícolas e
- novos estudos sanitarios sobre o impacto da contaminación.
«Non é momento de estratexias políticas. É momento de actuar con responsabilidade ante unha crise que pon en risco a saúde de todas e todos, agora e no futuro«, conclúe o MEL.