A Concellería de Infraestruturas do Concello de Ourense desenvolve un amplo programa de actuacións para mellorar a pavimentación e a seguridade viaria en distintas zonas da cidade, cun investimento global que supera os 529.000 euros.
O obxectivo é renovar o firme das rúas máis deterioradas e optimizar a mobilidade peonil mediante actuacións en pasos de peóns estratéxicos.
Medio millón de euros para renovar rúas e mellorar a mobilidade en Ourense
No marco deste plan, destínanse 265.775,66 euros á mellora do pavimento e pintado en varias rúas. As obras xa en execución inclúen o Paseo de Oira (47.910,92 €), o Paseo da Lontreira en Velle (47.865,18 €), a rúa Canella de Abaixo, nas inmediacións do Sexto Instituto (34.850,06 €), e a rúa Canexón – Santa Mariña (47.980,49 €). Ademais, nas próximas semanas iniciaranse os traballos na rúa das Póutigas (39.215,50 €) e na rúa de Ousande (47.954,51 €).

En paralelo, a mesma concellería impulsa un plan de mellora da mobilidade peonil en sete pasos de cebra repartidos por diferentes puntos da cidade, cun investimento adicional de 263.958,66 euros. Estas actuacións buscan aumentar a seguridade e a accesibilidade, especialmente en áreas de tránsito escolar e zonas residenciais.