Noticias

A nova rede de autobuses mellora nun 92% a puntualidade en Ourense

A reorganización das liñas de autobús urbano en Ourense, posta en marcha o pasado 16 de setembro, supuxo unha notable mellora no servizo, cunha redución do 92% nas incidencias por atrasos e un 62% menos de viaxes perdidas, segundo un informe elaborado pola empresa concesionaria Avanza.

Segundo o estudo, “a mellora obsérvase de maneira xeneralizada en todas as liñas”, se ben aquelas con maior tráfico ou percorridos máis longos “experimentaron un aumento proporcional da eficiencia grazas á optimización dos tempos de percorrido e á priorización de recursos”.

A nova rede de autobuses mellora nun 92% a puntualidade en Ourense

Avanza destaca tamén que o nivel de cumprimento das expedicións mellorou de forma notable, cun descenso do 62% na perda de viaxes. Este avance permitiu reducir as viaxes non realizadas e aumentar a cobertura global do servizo.

A nova rede de autobuses mellora nun 92% a puntualidade en Ourense

A concesionaria atribúe esta evolución positiva á simplificación das rutas, a unha planificación máis axeitada dos recursos dispoñibles e á mellor coordinación entre o persoal e os vehículos.

O informe subliña que “todas as liñas mostraron un comportamento positivo”, aínda que se manteñen pequenas desviacións en traxectos longos ou en zonas con maior intensidade de tráfico. Ademais, o incremento no cumprimento das expedicións traduciuse nunha mellor regularidade de frecuencias e horarios. A empresa sinala tamén unha “redución importante” das reclamacións telefónicas por falta de puntualidade.

A análise, elaborada con datos propios de Avanza, tiña como obxectivo avaliar o impacto da nova rede implantada o 16 de setembro. Desde entón, rexistrouse tamén unha baixada do 14% nos transbordos, que pasaron do 7,77% ao 6,68%, o que indica unha maior eficiencia no uso das conexións e percorridos.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.