Noticias

A Xunta inicia as obras de mellora na rúa Emilio Pardo Bazán de Ourense

A Xunta de Galicia iniciou as obras de reforma na rúa Emilio Pardo Bazán de Ourense, dentro do proxecto global para mellorar 13 travesías urbanas de titularidade autonómica.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá a zona acompañado de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas para supervisar o comezo dos traballos, nos que o Goberno galego investirá máis de 2,8 millóns de euros.

A Xunta inicia as obras de mellora na rúa Emilio Pardo Bazán de Ourense

Durante a visita, Pardo explicou que as actuacións previstas inclúen reparación, rehabilitación e reforzo dos firmes e pavimentos, tanto nas beirarrúas como nas calzadas, así como a renovación completa da sinalización horizontal e outras melloras complementarias. O obxectivo é incrementar a seguridade viaria e a accesibilidade nas zonas intervidas.

A Xunta inicia as obras de mellora na rúa Emilio Pardo Bazán de Ourense
Foto: Delegación da Xunta en Ourense

O delegado territorial detallou que dentro deste plan de mellora da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas están incluídas as rúas Río Arnoia, Progreso, Emilia Pardo Bazán, Velázquez, Bispo Lorenzo, Coruña, Peña Trevinca, Seminario, Sáenz Díez, Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela, Pena do Vado, Ponferrada e Avenida de Zamora.

Segundo indicou, a mellora destas vías urbanas forma parte da estratexia da Xunta para reforzar a vertebración territorial e garantir unha rede viaria segura e preparada fronte a eventos climáticos extremos. “O Goberno galego continúa traballando para aumentar e mellorar as estradas autonómicas, asegurando unha axeitada conservación e modernización”, afirmou Pardo.

O representante autonómico puxo en valor a aposta da Xunta pola conservación da rede viaria, á que destina este 2025 un total de 68 millóns de euros, co fin de manter as estradas en óptimas condicións de comodidade, seguridade e accesibilidade.

Esta nova intervención na cidade de Ourense súmase ás xa executadas nos últimos anos, como as realizadas na rúa Progreso e na Avenida de Zamora en 2024, ou na rúa da Granxa en 2023. Tamén destacan actuacións máis amplas en Marcelo Macías (OU-540), Otero Pedrayo (OU-536) e Seixalbo (OU-105), así como a construción de 5,4 quilómetros de sendas peonís en ámbitos como Ponte Sevilla, Avenida de Ponferrada, Rabaza, Montealegre e Valdorregueiro.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.