O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá o local da Asociación veciñal Quince de Agosto.
Esta entide é unha das preto de 100 entidades beneficiarias do plan específico de acción comunitaria na provincia de Ourense.
A asociación Quince de Agosto renova o seu espazo comunitario
Este programa, dirixido a colectivos veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas, contou este ano cun investimento autonómico de máis dun millón de euros no territorio ourensán.

Pardo explicou que a entidade percibiu unha achega de preto de 12.000 euros da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. A axuda foi destinada a executar actuacións que melloran a accesibilidade, reforzan a eficiencia enerxética e aumentan a seguridade do local. O delegado subliñou que estas intervencións repercuten directamente no benestar das persoas usuarias.
O representante autonómico destacou tamén que nesta convocatoria incrementouse a dotación do plan ata os 4 millóns de euros. Isto supón un aumento dun millón respecto ao ano anterior. Este reforzo, subliñou, permite seguir apoiando o asociacionismo veciñal como vía de dinamización social e cultural, así como fortalecer o papel destas entidades na atención e canalización das demandas cidadás.
Melloras no local da Asociación Quince de Agosto
As actuacións realizadas céntranse en dous eixos principais. No ámbito da accesibilidade, construíuse unha rampla de pedra que elimina o chanzo existente no soportal e facilita o acceso á planta baixa a persoas con mobilidade reducida ou dificultades de desprazamento.
En relación coa eficiencia enerxética e seguridade, substituíronse as xanelas por modelos de aluminio con control solar e illamento térmico. Estas xanelas incorporan persianas nas seis de maior tamaño para reforzar a protección. Tamén se instalou unha nova porta traseira, que mellora o illamento e evita filtracións, incrementando o confort da sala multiusos, espazo que acolle cursos, actividades comunitarias e diversos eventos.

