O Concello de Verea e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova acordaron este sábado a instalación dun memorial na Poza das Ras.
Neste lugar foron asasinados catro homes o 29 de agosto de 1936 tras seren sacados do cárcere de Celanova. A escultura, obra do artista ourensán Xoán Torres Cidre, terá forma cúbica e será elaborada en ferro.
Un Memorial lembrará ás vítimas da Poza das Ras en Verea
Renderá homenaxe aos mestres Julio González Álvarez, natural de Gontán (Verea) e Amadeo López Bello, de Beiro (Carballeda de Avia); ao chofer ourensán Silvio Torres Díaz; e ao farmacéutico de Leiro, Eloy Romero Luis, nado en Vilardevós.

O anuncio fíxose no propio lugar da Poza das Ras coa presenza do alcalde de Verea, José Antonio Pérez Valado, do presidente do Comité, Hixinio Araúxo, e de familiares de Eloy Romero e Silvio Torres. Durante o acto depositáronse catro cravos vermellos en honra das vítimas.
Un espazo para a memoria democrática
Este paso enmárcase na colaboración entre o Concello e o Comité, iniciada hai dous anos, que busca a recuperación da memoria das vítimas do fascismo en Verea. En 2023 xa se celebrou unha homenaxe no mesmo lugar e solicitouse ao Goberno do Estado a declaración da Poza das Ras como lugar de memoria. Porén, transcorrido o prazo legal, non se recibiu resposta da Secretaría de Estado de Memoria Democrática. O Comité instou ao rexedor a interesarse polo avance do procedemento.
Ademais, a entidade lembrou o recente falecemento de Amadeo López Vieitez, fillo de Amadeo López Bello, e trasladou as súas condolencias á familia. O Comité prevé retomar en setembro a súa campaña anual de socios. Tamén avanzará en accións vinculadas á defensa dos espazos de memoria e á retirada da simboloxía fascista conforme á lei vixente.