O Ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, participa nun mitin na Pobra de Trives dentro da campaña electoral para as eleccións autonómicas.
No acto tamén estiveron presentes a alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez, e a cabeza de lista do PSdeG-PSOE por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta.
Fernando Grande-Marlaska súmase deste xeito a outros ministros e cargos do PSOE que veñen a Galicia para apoiar a candidatura de José Ramón Gómez Besteiro á presidencia da Xunta de Galicia.
O Ministro Grande-Marlaska participa nun mitin en Trives
Durante a súa intervención, Grande-Marlaska indicou que «hai esperanza, hai luz e hai un camiño cara un futuro mellor na provincia de Ourense». O Ministro do Interior mostrou a súa confianza en que Gómez Besteiro «porá punto e final ao abandono nas políticas de loita contra o despoboamento en Ourense». Para lograr este obxectivo, Grande-Marlaska recordou que Besteiro «axudará ao emprendemento». A forma de conseguilo será, «levando a cabo plans de despegue económico, apoiando á mocidade, atraendo investimentos e impulsando o sector da pizarra, o turismo rural, ecolóxico e termal».
Referencias á Sanidade e a situación dos centros de saúde e hospitais da provincia tamén tiveron espazo na intervención do ministro. «Haberá cobertura de prazas de pediatría e outras especialidades nos centros de saúde» indicou.
Rodríguez Dacosta recordou o debate electoral programado na RTVE e a ausencia de Alfonso Rueda. Na súa opinión, os cidadáns «teñen dereito a contrastar as opcións políticas, xa que estamos falando dun exercicio de democracia».
Na intervención da alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez Barja, o foco estivo no cambio que necesita Trives. «Abrirase un período de cambio, de esperanza, de ilusión e de traballo para recuperar os servizos destruídos» indicou Domínguez sobre as eleccións do 18 de febreiro.