O luns 16 de xuño, a mocidade do IES Carlos Casares tomará a Praza Maior de Viana do Bolo cunha performance para reivindicar un transporte público accesible e sostible no rural galego.
Esta acción de comunicación de guerrilla, coordinada por AGARESO no marco dun proxecto Erasmus+ de Participación Xuvenil, busca visibilizar unha problemática clave para a vida no rural: a falta dun transporte público eficaz.
A mocidade de Viana do Bolo esixe un transporte público digno
A Praza Maior de Viana do Bolo converterase o luns 16 de xuño, entre as 11:15h e as 12:15h, nun espazo de protesta creativa protagonizado por 25 estudantes do IES Carlos Casares, entre os que destacan 14 integrantes da Red Compás.

Esta actividade consistirá nunha performance artística e simbólica que denunciará a escasa frecuencia dos autobuses e a ameaza de redución dos trens de longa distancia, situacións que dificultan o acceso da poboación a dereitos básicos como a educación, a cultura ou o emprego.
Durante o acto tamén está prevista a presenza da Tenente de Alcalde da localidade e a lectura dun manifesto elaborado conxuntamente con estudantes doutros catro institutos de Galicia que forman parte da Red Compás.
Esta rede conecta mozas e mozos do rural arredor da participación política e a transformación social, promovendo accións que reivindiquen o dereito á boa vida nos seus territorios. A acción de Viana do Bolo pon o foco nun problema estrutural: sen unha mobilidade adecuada, o rural perde futuro.
A proposta, cun forte compoñente educativo e participativo, busca abrir canles de diálogo entre a mocidade e as institucións, apostando pola creatividade e o compromiso como ferramentas para construír un rural vivo, conectado e con oportunidades para as novas xeracións.