Noticias

Álvaro Vila denuncia a “compra de tránsfugas”

O PSdeG-PSOE de Ourense denunciou este xoves en Manzaneda o intento de moción de censura promovido polo PP con dous tránsfugas.

O secretario provincial, Álvaro Vila Araújo, encabezou unha delegación do partido que se desprazou ao municipio para amosar o “total e rotundo” respaldo ao alcalde, Amable Fernández Basalo.

Álvaro Vila denuncia a “compra de tránsfugas”

Vila acusou o PP de “seguir o mesmo camiño de comprar tránsfugas con diñeiro público”. Advertiu de que esta práctica “marcará un antes e un despois nas relacións entre PP e PSOE”. Vila esixiu aos populares que “rectifiquen e volvan á senda constitucional e ao pacto antitransfuguismo, que segue vixente”.

Álvaro Vila denuncia a “compra de tránsfugas”
Foto: PSdeG

O dirixente socialista asegurou que “o que se fai en Manzaneda é algo inaudito en Ourense”. Sinalou directamente ao presidente provincial do PP: “Isto non se pode facer sen o consentimento do presidente da Deputación; ou non controla o partido ou dálle o beneplácito, e as dúas opcións son malas”. Engadiu que teñen constancia de que “esta mesma xogada se intenta noutros concellos gobernados polo PSOE”.

O alcalde de Manzaneda, Amable Fernández Basalo, criticou que o PP impulse esta moción “a un ano das eleccións”. Reivindicou o apoio veciñal: “Pasamos de 3 a 5 concelleiros, o que demostra que non eramos tan malos”. Destacou o traballo do seu equipo durante a pandemia e sinalou que “o PP leva seis anos sen presentar unha moción e apenas pisa o concello”.

Desde a Executiva Provincial, o PSOE asegura que “o PP volve aos tempos máis escuros do baltarismo”. Acusan a Luís Menor de “bendicir e promover o transfuguismo co único obxectivo de sumar alcaldías a toda costa”. Denuncian que “o caciquismo e o clientelismo nunca marcharon do PP ourensán”.

O partido lembrou que o xulgado número 1 do contencioso administrativo de Ourense aceptou a medida cautelar urxente presentada polo alcalde, suspendendo a tramitación da moción ao existir posibles causas de nulidade. “Se son incapaces de asinar correctamente unha moción de censura, como van xestionar o concello?”, cuestionan os socialistas. Estes instan o PP a retirar o seu apoio ou a que os tránsfugas entreguen a súa acta.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.