O PSOE de Ourense defenderá no vindeiro pleno do Concello de Ourense dúas mocións centradas na seguridade viaria tras o sucedido na rúa Peña Trevinca e na conmemoración do 8M baixo o lema Ourense coas mulleres: memoria, respecto e futuro.
A primeira iniciativa socialista xorde a raíz do afundimento rexistrado na rúa Peña Trevinca, un episodio que, segundo o grupo municipal, evidencia “anos sen planificación técnica rigorosa nin control preventivo” das infraestruturas urbanas.
O PSOE leva ao pleno de Ourense un plan integral viario e unha moción feminista polo 8M
Na súa exposición de motivos, o PSOE sostén que os socavóns, as vías anegadas tras choivas intensas e os sumidoiros colapsados non son feitos illados, senón consecuencia dunha xestión baseada na improvisación.

Consideran que o mantemento viario, a planificación da mobilidade e a prevención de riscos son competencias directas do goberno local e esixen unha resposta estrutural.
Entre as medidas propostas destaca a aprobación dun Plan Integral de Control e Mantemento Viario, que inclúa o mapeo completo do estado do firme mediante tecnoloxías avanzadas, a creación dunha plataforma integrada de xestión do espazo público e a implantación dun modelo de mantemento preventivo.
Ademais, a moción aposta por un Plan Extraordinario de Actualización da Mobilidade Urbana, coa revisión do documento existente, coordinación de obras e prioridade para a seguridade peonil e a accesibilidade universal.
No caso concreto da rúa Peña Trevinca, o grupo socialista solicita unha rehabilitación integral por contrato de emerxencia, que abranga a renovación da calzada e beirarrúas, a mellora da drenaxe, nova iluminación eficiente, arborado e mobiliario urbano. Tamén propoñen actuar no parque infantil anexo, cun investimento estimado entre 450.000 e 550.000 euros.
Ourense coas mulleres no 8M
A segunda moción preséntase baixo o título Ourense coas mulleres: memoria, respecto e futuro, coincidindo coa conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
O Grupo Municipal Socialista defende que o 8M debe ir máis alá do simbólico e traducirse en políticas públicas transversais. Na súa proposta, recoñece o papel das primeiras concelleiras da democracia local, como Belén Outeriño ou Adela García Bouzas, e aposta por organizar un acto institucional de homenaxe e crear un espazo simbólico permanente que visibilice o seu legado, ademais de impulsar un rueiro feminino.
A moción tamén inclúe a declaración do Concello como espazo libre de violencia machista, simbólica e institucional, así como a elaboración dun protocolo municipal fronte ao acoso no ámbito político. Engade programas de formación en igualdade dirixidos a persoal municipal, cargos públicos, clubs deportivos e centros educativos, xunto con campañas de sensibilización que difundan recursos como o teléfono 016.
Finalmente, o PSOE propón reforzar a colaboración co movemento feminista da cidade e integrar a perspectiva de xénero en todas as políticas municipais, con indicadores específicos de avaliación.
Con estas dúas iniciativas, o grupo socialista busca abrir no pleno un debate sobre planificación urbana e igualdade, dous eixos que consideran prioritarios para o futuro de Ourense.

